Orzamentos participativos – ¡Estamos na final!

Grazas ao esforzo de todos na fase anterior, as dúas propostas de mellora para o Sal Lence pasaron á final dos Orzamentos Participativos do Concello da Coruña. Agora é o momento de facer un último esforzo.

Como a cada unha das propostas presentadas o Concello asignoulle un orzamento de 150.000 euros, cada cidadán só pode votar a unha candidatura dentro do distrito 7, que é o noso, polo que temos que concentrarnos nunha única proposta das dúas que pasaron á final do CEIP Sal Lence para non diseminar o voto e ter máis probabilidades de que saia adiante.

Na asamblea da ANPA do 18 de novembro, decidiuse que a proposta que imos apoiar sexa o arranxo da cuberta, xa que nos parece prioritario que os nenos non se mollen cando chova.

Nesta última fase dos orzamentos participativos non se poden saber os votos acumulados de cada proposta ata que finalice o prazo. No noso distrito hai outros centros educativos de maior tamaño cos que competimos polo mesmo orzamento e están a implicar moito ás familias e moverse moito en redes sociais. Se non somos os primeiros, a proposta non sae adiante., polo que todos os membros das familias do Sal Lence temos que votar e compartir con familiares, amigos, veciños, comercios, persoal docente e non docente…

O prazo termina o 30 de novembro. Imos conseguilo!

Como se vota? Na web bit.ly/vamosaconseguirlacubierta ou de maneira física en urnas. O martes 29 de novembro haberá urnas para votar no Fórum Metropolitano, de 9:30 a 14:30.